Final Fantasy XIV limitará a adquisición de experiencia en ciclos semanais

venres, 27 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Os xogos masivos en liña recibiron en moitas ocasións críticas por incitar a comportamentos obsesivos, enganchando aos xogadores moitas horas para progresar nas súas aventuras virtuais, de xeito que para superar certos retos era preciso xogar durante moitas horas consecutivas ata rozar o enfermizo (coma no caso do xefe final de Final Fantasy XI, ao que había que enfrontarse en equipo durante 24 horas seguidas para derrotalo); se a isto sumamos que os xogadores menos intensivos (aínda que fose só polo feito de ter traballo ou estar cursando estudos) víanse discriminados por culpa de que outros xogadores subían de nivel a maior velocidade por dedicarlle ao xogo un número de horas desproporcionado, parece evidente que hai que tomar medidas, e os responsables de Final Fantasy XIV téñeno claro, e limitarán o número de horas á semana na que os usuario poidan progresar no xogo.
O director do xogo, Nobuaki Komoto, asegurou que para manter o equilibrio na comunidade e evitar vantaxes inxustas, en Final Fantasy XIV os puntos de experiencia responderán a ciclos semanais, de xeito que durante as primeiras 8 horas de xogo avanzarase con normalidade, reducíndose o ritmo de mellora durante as 7 horas seguintes, para conxelarse despois, ou sexa, que os xogadores só poderán gañar puntos de experiencia durante 15 horas á semana, o que agardan que evite a fatiga dos usuarios e amplíe o público deste xogo en liña.
Final Fantasy XIV principiará a súa fase de probas para PC o vindeiro 1 de setembro, mentres que os usuarios de PlayStation 3 deberán agardar a 2011 para gozar destas aventuras. Para ir abrindo boca veñen de estrear un impresionante trailer do xogo:

JPEG - 58.9 KB
O Final Fantasy XIV puido probarse na Gamescom

PUBLICIDADE