Flappy Bird volve como xogo exclusivo para Amazon Fire TV

venres, 1 de agosto do 2014 Marcus Fernández

O xogo Flappy Bird converteuse en todo un fenómeno, que case pasou a mito tras a súa retirada das tendas de aplicacións para dispositivos móbiles por parte do seu autor, que non se consideraba preparado para soportar o grande éxito da súa obra, e que comeza o retorno deste xogo que ten como cerna a súa elevada dificultade. Pero Dong Nguyen non volve directamente na App Store e en Google Play, senón que a redefinición do seu xogo desembarca inicialmente en Android a través da Amazon Appstore como Flappy Bird Family, un xogo de balde que é compatible coa plataforma Fire TV de Amazon, buscando que poidamos xogar a este título no televisor, podendo competir con outros xogadores a pantalla partida, achegándolle unha nova dimensión.
Flappy Bird Family inclúe novos obstáculos e máis diversión, mantendo unha dificultade moi elevada. Queda agora por ver se os usuarios de Fire TV que lle dean unha oportunidade ao xogo non rematarán rachando o seu televisor coa frustración que pode chegar a provocar este tipo de videoxogo.

JPEG - 119.3 KB
Flappy Bird Family está deseñado pensando no enfrontamento de dous xogadores diante do televisor

PUBLICIDADE