Flashback celebra os seus 25 anos cunha versión para Switch

luns, 18 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O xogo Flashback é todo un clásico de 1993 que para moitos é un dos mellores xogos da historia, destacando no seu día polas súas animacións realistas grazas á captura de movemento, os seus contornos feitos a man e a súa historia de ciencia ficción. Pois agora esta obra que até o momento superara os 2,2 millóns de copias vendidas chega cunha nova versión, de xeito que dende hai uns días pode adquirirse en soporte dixital para Nintendo Switch, con novos filtros gráficos, sons e música remasterizados, función de rebobinado segundo o nivel de dificultade e mesmo titoriais para os que precisen algo de axuda para superar o xogo.
Este magnífico título pode adquirirse na Nintendo eShop por 19,99 euros, pero o máis destacable é que a partires de mañá nas tendas haberá unha edición física moi especial, coa que celébrase o 25º aniversario do xogo, que inclúe contido adicional moi atractivo. Así, aparte do xogo teremos tamén unha caixa de coleccionista, unha caixa metálica co estilo dun cartucho de Super Nintendo, un manual de instrucións estilo 1993 (cando na actualidade é case imposible atopar un xogo con manual en formato físico), unha tarxeta metálica numerada e a banda sonora dixital. Esta edición tan especial ten un prezo oficial de 39,99 euros (aínda que xa é posible adquirila a 34,99 euros en varios establecementos).
Temos así unha magnífica peza de colección para os amantes do retro que garden un bo recordo deste clásico.

A edición física do xogo é realmente completa

Tráiler de Flashback para Nintendo Switch

PUBLICIDADE