FlixOlé incorpórase como canle de Amazon Prime Video

venres, 19 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O pasado mes de novembro Amazon Prime Video estreou canles de subscrición, unha interesante solución para que certas ofertas de vídeo baixo demanda puidesen chegar aos usuarios finais sen ter que desenvolver plataformas de seu completas, xa que poden contratarse dentro da propia aplicación de Prime Video, e agora vemos como entre Starzplay, MGM, Mubi ou Mezzo cóase FlixOlé, este servizo centrado no cine español (aínda que tamén inclúe clásicos de western, películas europeas ou os clásicos de Cantinflas), que leva agora o seu catálogo de máis de 3.500 títulos entre películas e series á plataforma de Amazon, dende a que pode contratarse por 2,99 euros/mes.
O prezo do servizo dentro ou fóra de Amazon sería o mesmo, pero a súa contratación dentro de Prime Video achega unha mellor infraestrutura (o que achega, entre outras cousas, unha maior calidade de imaxe) e dende máis dispositivos (chegando a televisores e consolas, e non só a ordenadores e dispositivos móbiles).

Vídeo promocional de FlixOlé

PUBLICIDADE