Football Manager 2014 funcionará en Linux

luns, 27 de maio do 2013 Marcus Fernández

Imaxe de Football Manager 2013

Tras a decepción co lanzamento de FX Fútbol no que claramente é un produto por debaixo do que agardaba o público, as miradas apuntan á franquía de simulación de dirección de equipos de fútbol de máis éxito, Football Manager, que coa súa edición 2013 bateu todas as súas marcas en volume de vendas, e que vai continuar en Football Manager 2014, reservando unha grata sorpresa para os xogadores: ás versións para Windows e OS X en Steam vai engadirse unha versión para Linux, estando as 3 incluídas no mesmo prezo e permitindo o xogo cruzado, de xeito que os usuarios que merquen o xogo poderán telo instalado, por exemplo, nun ordenador de sobremesa con Ubuntu, nun portátil con Windows e nun MacBook.
A multi-plataforma é un dos grandes atractivos de Steam, pois as licenzas dos xogos líganse aos usuarios, non aos equipos, de xeito que un mesmo xogador pode gozar do mesmo título comprado en equipos diferentes e incluso con distintos sistemas operativos, o que agradecen considerablemente os que queren gozar dos seus xogos tanto no fogar como en mobilidade.

PUBLICIDADE