Fortnite estrea subscrición mensual

martes, 24 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Dende Fortnite teñen afeitos aos xogadores a mercar pases de batalla para acceder a novos contidos e, aínda que manterán ese modelo de negocio, a partir do 2 de decembro, data na que se estrea o Capítulo 2 da Tempada 5, estará dispoñible o Club de Fortnite, un servizo de subscrición que por 11,99 euros/mes ofrece o pase de batalla para toda a tempada, 1.000 paVos cada mes, e un lote exclusivo que incluirá un accesorio como mínimo e novos traxes.
Un exemplo do que ofrecerá o Club de Fornite será precisamente Universo, un novo traxe exclusivo que chega xunto ao pico Llamacornio e o accesorio mochileiro Mundo fracturado. Antes do remate de cada mes Epic Games desvelará o contido que incluirá o Club de Fortnite o seguinte mes.
Os usuarios que xa mercaran o pase de tempada actual ou obxectos do pack de Club antes de subscribirse recibirán 950 paVos en compensación, e tamén cómpre advertir que no momento de subscribirse ao Club de Fortnite hai que ter moi en conta a plataforma principal na que queiramos gozar do servizo xa que, aínda que os obxectos estarán presentes en todas as plataformas, os paVos só poderán utilizarse na plataforma principal.

Vídeo de presentación do Club de Fortnite

PUBLICIDADE