Fortnite leva á PS4 a abrirse ao xogo cruzado con outras plataformas

mércores, 26 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Hai uns meses, coa chegada de Fortnite a Nintendo Switch, fíxose evidente o grande problema que existía co xogo cruzado neste título, xa que os usuarios de Xbox One, PC, Mac e móbiles non tiñan restricións para xogar coas súas contas nas distintas plataformas pero os usuarios que se deran de alta no xogo na súa PlayStation 4 non podían empregar a mesma conta noutras plataformas.
O malestar dos usuarios era evidente, e ante as protestas Sony aseguraba que a PS4 era a mellor plataforma para xogar a Fortnite, polo que non vía necesario facilitar que os seus usuarios gozasen do xogo noutras máquinas, pero finalmente recapacitaron, e anuncian que a partires de hoxe inician o proceso para que os xogadores de Fortnite poidan xogar e compartir progresos e compras dentro do xogo en PS4, Xbox One, Switch, PC, Mac, iOS e Android.
Polo momento farán isto a través dunha beta, para comprobar o bo funcionamento deste importante cambio que supón un fito para o xogo cruzado, xa que abre a porta para que no futuro haxa máis xogos que estean dispoñibles en ordenador, consola e móbil de xeito indistinto, facilitando que os usuarios gocen dos mesmos do xeito que lles resulte máis práctico en cada momento.
Dende Epic Games están satisfeitos co cambio, e anuncian que os xogadores xa non terán que crear contas diferentes para gozar de Fortnite en distintas plataformas, xa que están a traballar nun sistema de mestura de contas que permitirá combinar compras para o Battle Royale (funcionalidade que estará lista en novembro) e tamén facilitarán o desligado dunha consola dunha conta de Fortnite para poder ligala a outra conta (prestación que chegará en poucos días).

PUBLICIDADE