Fortnite vístese de Star Wars

luns, 16 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Finalmente Fortnite acolleu un evento de Star Wars: El Ascenso de Skywalker, demostrando a forza deste xogo como ferramenta promocional grazas á súa grande base de xogadores, á vez que se realimenta deste tipo de iniciativas, xa que os usuarios agradecen poder gozar de contidos temáticos, que desta volta tradúcese en blasters, espadas de luz, naves e aparencias de personaxes como Finn e Rey.
No mencionado evento puidemos ver como o director da película, J. J. Abrams, facía acto de presenza tras un combate entre o Falcón Milenario e uns TIE Fighters para presentar unha secuencia inédita da película que este xoves chega aos cines, e permitir que os xogadores votasen logo pola súa espada de luz favorita, para iniciar logo un duelo de espadas xigante.
Aínda que este evento non foi o máis relevante organizado dentro de Fortnite, é moi posible que fose un dos que congregou a máis usuarios, xa que os servidores do xogo experimentaron moitos problemas de conexión, dando a entender que posiblemente superaron as marcas anteriores, aínda que os fallos poderían facer complicado estimar o número total de usuarios simultáneos que se xuntaron para poder unirse a unha celebración que confirma que este tipo de iniciativas son unha simbiose de marcas case perfecta, na que ambas partes saen moi beneficiadas.

Tráiler da experiencia de xogo en Fortnite co gallo da estrea do novo filme de Star Wars

PUBLICIDADE