Fortnite xa corre a 120 fps no iPad Pro

luns, 20 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Unha das tecnoloxías das que presumen os iPad Pro é ProMotion, que permite velocidades de refresco en pantalla de 120 Hz, conseguindo así desprazamentos máis fluídos e un mellor funcionamento do Apple Pencil, pero nos últimos meses foron bastantes os smartphones que tamén subiron ao carro das pantallas de alta velocidade de refresco, con velocidades de 90 e 120 Hz, dando a entender que 2020 será o ano no que esta prestación se empregue como argumento de venda.
Pero o feito de mellorar as velocidades de refresco sen contidos que o aproveitasen parece ridículo, e dá a impresión de que a industria está a adaptarse, e que precisamente por iso a última actualización de Fortnite para iIOS incorpore a posibilidade de xogar a 120 imaxes por segundo no iPad Pro (2018), para o que simplemente hai que ir á configuración da aplicación para activar esa función.
Temos así que os desenvolvedores de videoxogos poderían comezar a carreira polos fotogramas por segundo en móbiles, do mesmo xeito no que o fan tamén en consolas e ordenadores persoais, anticipándose así a toda unha xeración de dispositivos que permitirán animacións máis rápidas, o que agradecen os xogadores máis esixentes dun ritmo frenético.
Fortnite para iOS comezara funcionando a 30 imaxes por segundo, e foi precisamente co lanzamento do iPhone Xs cando deron o salto aos 60 fotogramas por segundo (hai pouco máis dun ano), polo que agora permitir o xogo a 120 imaxes por segundo podería considerarse un momento histórico, aínda que na práctica esta velocidade sexa demasiado esixente graficamente e o propio xogo chegue a reducir a velocidade puntualmente a 90-100 imaxes por segundo. Cómpre advertir que ao xogar a 120 imaxes por segundo o xogo reduce o nivel dos detalles presentados en pantalla, de aí que esteamos ante unha opción configurable, xa que hai xogadores partidarios das altas taxes de refresco, mentres que motos outros prefiren imaxes con máis calidade e un funcionamento máis estable.

PUBLICIDADE