Forza Horizon 2 chegará a Xbox One e Xbox 360 no outono

luns, 2 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro outono os afeccionados aos xogos de condución poderán gozar da secuela dun dos seus títulos favoritos, pois Microsoft confirmou que en tal data as súas consolas de videoxogos contarán co xogo Forza Horizon 2, que para Xbox One está a desenvolver Playground Games, mentres que a versión para Xbox 360 corre a cargo de Sumo Digital (aínda que esta última será unha versión moi inferior, por estar baseada no motor gráfico da entrega anterior).
Para facer realidade Forza Horizon 2 para Xbox One dende Playground Games xuntaron forzas con Turn 10 Studios, subsidiaria de Microsoft coa que xa colaboraran no anterior Forza Horizon e que foi a que estreou a franquía na Xbox One co lanzamento hai pouco máis de medio ano de Forza Motorsport 5.
Este novo xogo contará con centos de coches, entre os que destaca o Lamborghini Huracán de 2015, que servirá de emblema para este novo título que levará a acción ao sur de Europa. A semana que vén coñeceranse máis detalle do xogo co gallo da celebración do E3.

PUBLICIDADE