Fujitsu opta por AMD nun dos seus tablets con Windows 8

martes, 23 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Continuamos a coñecer novos produtos que se sitúan na liña de saída de cara ao lanzamento de Windows 8 o vindeiro venres, e dentro dos tablets que van ver a luz co noso sistema operativo de Microsoft destaca o Stylistic Q572 de Fujitsu por fuxir de procesadores ARM e Intel, e optar por un AMD Z-60, que acompañado pola súa pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles e unha completa conectividade pode chegar como unha solución máis para poder gozar dun Windows 8 completo en formato tablet.
Este equipo vén con 4 Gb de RAM, gráfica AMD Radeon HD 6250, pode configurase con unidades de disco de entre 64 e 256 Gb, inclúe webcam e cámara traseira de 5 Mpíxeles, 1 porto USB 2.0, 1 porto USB 3.0, 1 porto HDMI, un conector para unha base, espazo para unha tarxeta SIM (no modelo con banda larga móbil), lector de tarxetas de memoria, 2 micrófonos, 2 altofalantes, tomas para auriculares e micrófono externos, Wi-Fi de dobre banda, Gigabit Ethernet, Bluetooth, batería cunha autonomía dunhas 7 horas, un grosor de 13,9 milímetros e un peso de 820 gramos.
Queda por ver se o procesador AMD integrado é capaz de achegar a autonomía prometida, pois é unha das principais eivas dos procesadores dese fabricante, mentres que os de Intel teñen demostrada a súa solvencia en contornos móbiles.
Polo momento non coñecemos cando chegará este equipo a Europa, pero no Xapón xa anunciaron que estará á venda a finais de novembro por 90.800 iens (875,53 euros).

PUBLICIDADE