G4 pecha un ano despois do seu relanzamento

luns, 17 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Hai anos, cando as canles de televisión por cable e satélite aínda tiñan certo pulo, naceu G4, canle orientada a un público mozo e afeccionado aos videoxogos e á tecnoloxía, que remataría fusionándose co seu rival directo, TechTV, conseguindo certo éxito con programas como The Screen Savers, Attack of the Show ou X-Play¸ aínda que co apoxeo do vídeo na Internet esta plataforma audiovisual perdeu o favor do público e botou o peche.
Sorprendentemente hai cousa dun ano anunciouse o regreso de G4, reformulándose a súa plataforma audiovisual para tirar proveito principalmente de YouTube e Twitch, pero mantendo programas como Attack of the Show ou X-Play, ou sexa, convertendo a Internet simplemente como a plataforma de distribución de contidos televisivos, o que parece non ter funcionado como esperaban, e G4 TV estaría encamiñada a dicir adeus a un ano do seu rexurdimento, xa que non conseguiron captar a suficiente atención para compensar o investimento e os esforzos destinados a esta plataforma audiovisual.
G4 era até o momento un proxecto de Spectacor, unha compañía que pertence a Comcast, e que estearía enfocada aos deportes e eventos en directo, polo que parecía lóxico destinar esforzos aos deportes electrónicos e a eventos como as grandes convencións frikis, pero ao estar moi lonxe de conseguir os obxectivos fixados decidiron botar o peche de G4, o que confirmaría que os formatos audiovisuais tradicionais non encaixan ben na Internet na conxuntura actual.

PUBLICIDADE