GAIN celebra o 11F reivindicando as importantes contribucións das nosas científicas e tecnólogas
venres, 7 de febreiro do 2025
O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a proposta da Asemblea Xeral das Nacións Unidas para recoñecer o papel clave que desempeñan na comunidade científica e tecnolóxica e acadar o acceso pleno e en igualdade de condicións ao ámbito STEM. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) sumouse de cheo a esta celebración, e faino en positivo: “En Galicia, ao redor do 40% do persoal dedicado a I+D e do persoal investigador está formado por mulleres, unha cifra que está a medrar nos últimos anos”, explica o organismo autonómico que dirixe Carmen Cotelo.
Casos de éxito de mulleres na ciencia
Na Axencia Galega de Innovación aproveitaron a inminencia da dita celebración do 11F para render homenaxe ás máis de 5.600 mulleres dedicadas a tarefas de I+D, achegando algún exemplo de investigadoras galegas que lideran proxectos de investigación ou encabezan iniciativas empresariais nacidas dos resultados da investigación. O obxectivo é ofrecer referentes ás nenas e mozas que lles sirvan de modelo e inspiración, ademais de poñer en valor a súa contribución ao avance da ciencia e da tecnoloxía e, por conseguinte, á mellora da calidade de vida das persoas. A listaxe de mulleres visualizadas por GAIN está formada polas seguintes científicas e tecnólogas:
· María de la Fuente e Abi Judit Vázquez, fundadoras de Diversa Technologies, spinoff do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela e do SERGAS, dedicada á comercialización de nanotecnoloxía para a liberación controlada de fármacos e biomoléculas terapéuticas para acelerar o desenvolvemento de medicamentos innovadores e cubrir necesidades médicas non satisfeitas. Diversa foi apoiada polo programa Ignicia da Xunta de Galicia e recoñecida con numerosos premios.
· Tania Grandal, investigadora principal do proxecto Frontier de Aimen, apoiado polo programa Ignicia, no que están a desenvolver sensores de fibra óptica (FOS) que resistan ambientes extremos, principalmente moi altas temperaturas e ambientes corrosivos, para dotar de máis eficiencia ás infraestruturas industriais en contornas hostís, como as que se atopan nos sectores aeronáutico, enerxético, petróleo e gas.
· Elena Ojea Fernández-Colmeiro, investigadora Oportunius no Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo, desenvolve a súa investigación sobre o impacto do cambio climático en sistemas pesqueiros de todo o mundo e as mellores opcións para garantir a súa sustentabilidade a longo prazo, gañadora dunha ERC Starting Grant do Consello Europeo de Investigación.
· Olalla López Costas, investigadora Ramón y Cajal no CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela, está a desenvolver un proxecto de investigación apoiado por unha Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación sobre a contaminación ambiental por metais a través da análise de restos humanos arqueolóxicos.