GAIN celebra o 8 de xullo a xornada de presentación do cuarto programa BFAero

venres, 1 de xullo do 2022 S. P.

O vindeiro 8 de xullo a Axencia Galega de Innovación (GAIN) celebra a xornada de presentación da cuarta edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia. O evento será inaugurado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde. Contarase coa participación de tres empresas que participaron en edicións anteriores da Business Factory Aero, que relatarán a súa experiencia.
Na segunda parte da xornada abordaranse as actuacións en marcha da Civil UAVs Initiative como ecosistema integral de apoio ao desenvolvemento de sistemas non tripulados en Galicia. Participarán na xornada representantes da Administración, das empresas tractoras, de pequenas e medianas empresas do sector, de centros de coñecemento e de entidades usuarias das solucións desenvolvidas no Polo Aeroespacial de Galicia que se están empregando nos servizos públicos da Xunta.
A xornada está dirixida a todo o ecosistema galego de innovación e, en especial, a todas as startups, pemes, empresas e centros de coñecemento con ideas ou proxectos de I+D no eido dos sistemas non tripulados. A BFAero está aberta a proxectos de emprendemento innovadores, viábeis e con capacidade de evolución e adaptación, relativos a plataformas e os seus compoñentes, equipos e sistemas -tanto embarcados como en terra- e aplicacións de vehículos non tripulados para mercados concretos.
As inscricións están abertas dende a web de GAIN.
Que é o Programa BFAero?
BFAero é unha das liñas de apoio ao ecosistema da Civil UAVs Initiative para o impulso do talento e o emprendemento. BFAero está dirixida ao sector aeronáutico, aeroespacial e dos vehículos non tripulados. A súa misión é incubar, acelerar e consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado, consolidar o tecido empresarial e industrial do sector galego e atraer talento nacional e internacional, que contribúan a fortalecer o posicionamento do sector e a incrementar a súa proxección internacional.

PUBLICIDADE