GTA IV traerá novidades nos vindeiros meses

xoves, 20 de novembro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 82.9 KB

Pese a que o Grand Theft Auto IV saíu hai tempo para Xbox 360 e PS3 segue a estar de actualidade pola proximidade do lanzamento da súa versión para PC (o 3 de decembro) e a aparición de contido descargable para a súa versión de Xbox 360 o 17 de febreiro de 2009.
Esta última novidade por fin foi explicada, e Dan Houser, vicepresidente de desenvolvemento creativo de Rockstar detallou que o protagonista do novo episodio para Xbox 360, The Lost and Damned, non será Niko Bellic, senón Johnny Klebitz, que é un personaxe moi diferente que tamén servirá para amosar unha parte diferente de Liberty City, o que achegará unha nova vida a un xogo que en poucos meses xa se converteu nun clásico.
Pero a nova versión para PC tamén promete moito, especialmente por integrar un capturador de imaxe, de xeito que se durante unha partida pulsamos F2 poderemos gravar o que acontece en pantalla para a súa posterior edición, de xeito que podemos facer as nosas propias películas con escenas do xogo, que poderemos recortar, mover o tiro de cámara, engadir efectos especiais, texto ou música… toda unha ferramenta que pode achegar tanta diversión coma o xogo en si mesmo (dependendo da imaxinación do usuario).


Divertido vídeo de exemplo das posibilidades que abre o editor de vídeos do GTA IV para PC

PUBLICIDADE