GTA V estrea aplicación móbil

luns, 16 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Mañá é a data na que oficialmente chega ás tendas o xogo Grand Theft Auto V, e aínda que é posible mercalo nalgún establecemento que non respectou a data de lanzamento, a expectación está a ser moi elevada, e nestas últimas horas chegan informacións un tanto curiosas sobre o que promete ser a meirande estrea do ano no que respecta ao lecer electrónico (que incluso hai quen o ve como rival do lanzamento da Xbox One e a PS4).
No que respecta á versión de Xbox 360 dende Rockstar están a facer unha recomendación bastante sorprendente, que consiste en que, tras instalar no disco duro da consola os 7,7 Gb de datos incluídos no primeiro disco do xogo, non se realice a instalación do segundo disco, o que emprégase para xogar con normalidade nas seguintes ocasións, pois afecta ao rendemento do xogo, que amosa problemas á hora de cargar texturas e elementos durante as partidas. Ao parecer o xogo está optimizado para cargar do disco óptico e do disco duro á vez, de xeito que se só cargásemos os seus datos do disco duro, afectaríase ao desempeño do xogo.
ACTUALIZACIÓN (17-9-2013): Ao parecer, os problemas de rendemento poden solucionarse de instalarse o disco de xogo nunha unidade USB en vez de no disco duro interno da consola.

Na aplicación móbil podemos coidar do can de Franklin, o rottweiler Chop

E outra sorpresa que nos depara este xogo para Xbox 360 e PlayStation 3 é que estreou hoxe un complemento en forma de aplicación móbil, Grand Theft Auto: iFruit, compatible tanto con iPhone como con iPad, e que permite interactuar con GTA V e GTA Online cando esteamos lonxe da consola. Dende iFruit podemos acceder a Los Santos Customs para crear o vehículo definitivo en GTA V e mesmo crear e reservar matrículas personalizadas e incluso a un mini-xogo chamado Chop the Dog, no que atenderemos a unha mascota virtual, Chop, o can dun dos protagonistas do xogo (Franklin) e que afectará ao comportamento do rottweiler, que será máis obediente, fará trucos e atopará obxectos ocultos ao sacalo a pasear. Os paseos co can premiaranse con créditos que poderán cambiarse por colares.

Imaxes da versión para iPhone de iFruit

PUBLICIDADE