GTA V facturou 800 millóns de dólares en 24 horas

xoves, 19 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Que o xogo Grand Theft Auto V custase 170 millóns de libras esterlinas (201 millóns de euros) parece unha cantidade ben investida se temos en conta as primeiras previsións de vendas de Take-Two Interactive, que estima que no primeiro día á venda o pasado martes para PlayStation 3 e Xbox 360 conseguiu superar os 800 millóns de dólares (590 millóns de euros), o que é especialmente destacable se temos en conta que o xogo aínda non se estreou no Xapón nin en Brasil. Deste xeito GTA V sería o xogo de Take-Two co mellor lanzamento na historia da compañía, superando o elevado listón que deixara GTA IV.
O título desenvolvido por Rockstar Games estaba a ser moi agardado, levando a milleiros de tendas en todo o mundo a abrir a medianoite do luns para permitir que os usuarios máis impacientes puidesen facerse co xogo en formato físico dende o primeiro minuto no que podía venderse oficialmente.
Grand Theft Auto V non só está a funcionar ben en vendas, senón que a crítica tamén o aplaude, conseguindo unha puntuación de 98 sobre 100 en Metacritic na súa versión para Xbox 360 (97 para PS3) de xeito que sería o xogo coa mellor puntuación na consola de Microsoft e o segundo no caso da consola de Sony (só superado, curiosamente, por Grand Theft Auto IV).
De todos os xeitos, non estamos ante un xogo perfecto e, de feito, dende Rockstar Games aseguran estar a traballar para solucionar algúns dos erros do xogo que foron detectándose nas últimas horas, que van dende fallos de comunicación cos servidores en liña do xogo ata problemas coa versión descargable para PlayStation 3, polo que non sería de sorprender que nos vindeiros días o título reciban unha actualización.

PUBLICIDADE