Gaikai e Wikipad únense para levar os videoxogos na nube a tablets

xoves, 3 de maio do 2012 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos a ver servizos de computación na nube, no caso dos videoxogos aínda estamos ante unha tecnoloxía emerxente que Gaikai quere levar máis adiante polo que anuncia unha alianza con Wikipad para desenvolver o primeiro tablet en ofrecer un controlador acoplable semellante ao mando dunha consola de videoxogos doméstica. Deste xeito, neste orixinal tablet sería posible gozar de xogos modernos que Gaikai achegaría a través de streaming a través dunha aplicación cliente.
Aínda que o tablet Wikipad é capaz de correr xogos de xeito local (funciona con Android 4.0), a través do servizo na nube de Gaikai pode reproducir títulos da calidade dunha consola de videoxogos doméstica, algo do que aínda non son capaces os tablets actuais por si mesmos.
O Wikipad conta cunha pantalla de 10,1 polgadas, ten capacidades 3D, funciona cun procesador de 4 núcleos e ten conectividade Wi-Fi con opción 3G, que destaca fronte a outros tablets polo gamepad acoplable que permite un control preciso do que carecen normalmente os videoxogos para tablets.
Actualmente Gaikai permite xogar a grandes títulos como Mass Effect 3, Need For Speed: The Run, Splinter Cell: Conviction, Rayman Origins, The Witcher 2, Crysis 2, FIFA 12 ou Dead Rising 2, aínda que polo momento está limitado o seu servizo a zonas nas que ten unha boa conectividade (aínda que non parece ter problema baixo a rede do operador galego R).

O gamepad acoplable da ao tablet de Wikipad un agarre coma o dun gamepad de consola

PUBLICIDADE