Galegoelogo.com: iniciativa da Xunta para levar a lingua a onde xa non se emprega

martes, 23 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Se non coidamos a lingua, ninguén a vai coidar por nós. Non é este o lema da campaña posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, pero ben podería selo. A fin de contas, as linguas están vivas e, coma os seres vivos, corren o risco de esmorecer e extinguirse. A situación é ben complicada: apenas se fala galego nas grandes cidades, a mocidade opta na súa maioría polo castelán e en eidos da sociedade como o xurídico, o deportivo, o eclesiástico ou mesmo o da innovación tecnolóxica (que é o que nesta web de Código Cero probablemente se coñeza mellor) hai quen leva anos poñéndose a favor dunha lingua, a que provén da Meseta, que non precisa de axuda para sobrevivir e que non nos define simbolicamente como pobo. No senso de recuperar a lingua para estes e máis outros sectores é no que se insire a iniciativa En galego, tes todo por dicir que ten no portal www.galegoelogo.com o seu principal marco de referencia.

A campaña da Secretaría, que ficará activa ó longo de 2007 e que forma parte do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, vai especialmente dirixida ós máis novos, xa que son eles (a fin de contas) os responsables no futuro da supervivencia ou non da nosa lingua. É dicir: non se pretende reactivar o emprego do galego entre os nosos maiores, que xa se ocupan de manter viva a chama do idioma, pero é certo que a Secretaría lles ten reservado un papel de moita importancia: o papel de transmisores da fala. A campaña inclúe actividades específicas nos lugares onde se ten observado un meirande retroceso do galego e todo tipo de material de difusión nos medios informativos. O obxectivo é centrar os esforzos na mocidade, no lecer da xente maior, na educación, na transmisión familiar, no ámbito comercial e empresarial en xeral, na sanidade, no dereito ou no sector que máis nos toca de preto dende este medio: o das novas tecnoloxías da información, un sector onde se teñen observado diferentes niveis de uso da lingua, que se cadra fica máis activa canto máis nos achegamos a empresas e usuarios ligados ó software libre.

A clave da iniciativa, por así dicilo, é cinguir o galego cos aspectos máis modernos da sociedade, co fin de contribuír a que moitos de nós deixemos atrás a idea de que non casa ben coas novas tendencias de case calquera cousa que podamos imaxinar: moda, arte, tecnoloxía, innovación empresarial, publicidade, comunicación. En termos de Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, “o que se quere é unir a lingua a unha imaxe nova, actual e conectada coas referencias estéticas da contemporaneidade, para que mozos e mozas asocien o galego con hoxe, para que a sociedade identifique a nosa lingua coa modernidade e o prestixio”.

Punto por punto, a campaña ten os seguintes eidos de actuación:

· A escola. En realidade, cae de caixón que sexa na escola onde se actúe máis, antes e mellor. Porén, a Secretaría entende que non se debe facer á forza, senón nun “clima favorable”. O obxectivo? Poñer diante dos nenos (e tamén dos pais) a evidencia: falar o galego non é unha falta senón unha oportunidade.

· A mocidade. Como dixemos, unha boa parte da mocidade considera que o galego non é un sinal de distinción nin de recoñecemento. Isto ocorre sobre todo nas cidades, pero tamén nas vilas. Segundo a Secretaría, é fundamental axudar a que a nosa lingua estea presente nas súas actividades cotiás de lecer. De aí que a campaña inclúa actividades en “festivais de musicais, centros de lecer e outros foros”.

· Na transmisión de coñecemento no eido familiar. Haberá “accións específicas nas maternidades e nos cursos de preparación ó parto”.

· Na economía. Seguimos a ver como hai empresas que van abandonando o emprego do galego a medida que medran, pero en moi poucos casos asistimos ó caso contrario. As razóns deste fenómeno? Se cadra o sistema de mercado que se impón está a obrigarnos a deixar de lado todo aquilo que nos diferenza, cando moi posiblemente aquilo que nos diferenza é o que nos achega valor. Se o mercado puidese dar a súa opinión, diría que prefire centros comerciais clónicos onde todo se fale nunha mesma lingua. Nesta orde de cousas, o galego está a perder terreo, como todo aquilo que non atinxe á imposición do homoxéneo. A campaña tamén vai encamiñada a combater esta situación en áreas comerciais, onde se levarán a cabo actividades lúdicas para dinamizar a presenza do galego.

PUBLICIDADE