Galicia Podcast Summit pechará o ano cunha edición especial na Coruña

venres, 16 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Leo Menéndez anunciou que o Galicia Podcast Summit pretende xirar pola xeografía galega en futuras edicións

Tras celebrarse con éxito tres edicións do Galicia Podcast Summit no centro de empresas Accede Papagaio da Coruña, anunciouse a intención de que o evento adoptase un formato itinerante para ser consecuente co seu propio nome, e un dos seu organizadores, e condutor das pasadas edicións, Leo Menéndez, deu máis detalles sobre o tema na última entrega de Todo por un podcast.
Menéndez confirmou a intención de que o Galicia Podcast Summit se movese pola xeografía galega, pero adiantando que o regreso desta cita mensual comezaría pola cidade que a veu nacer, A Coruña, este mes de setembro, para que a edición de outubro fose moi probablemente en Santiago de Compostela e a edición de novembro nalgunha localización máis ao sur de Galicia.
Pero a grande sorpresa foi ao anunciar que para o mes de decembro Galicia Podcast Summit tería unha edición especial na cidade da Coruña, que contaría con grandes cambios. Para comezar, en vez de celebrarse o encontro un mércores, pasaría a ser o sábado 7 de decembro, xusto despois do Día da Constitución, buscando así un momento máis propicio para que puidesen achegarse persoas de fóra de Galicia, conseguindo así unha participación máis ampla. Sería así unha despedida de ano moi ambiciosa, que tería que celebrarse nunha instalación máis grande, que permita unha maior asistencia de público e converter a encontro nunha celebración do sector podcasting en Galicia.