Galicia contará con novas ferramentas para acadar unha mellor xestión e ordenación do solo

mércores, 16 de xuño do 2021 S. P.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou na mañá deste 16 de xuño en Barakaldo na primeira edición de Food 4 Future – Expofoodtech 2021. Fíxoo co relatorio A tecnoloxía, un instrumento de competitividade para as rexións FoodTech, salientando o peso que teñen a tecnoloxía e a dixitalización no futuro do medio rural, xunto coa sustentabilidade e a transición ecolóxica. Neste senso, Inés Santé puxo en valor varios proxectos tecnolóxicos que desenvolve a Consellería do Medio Rural en canto á ordenación e xestión do territorio.
Así, debullou os detalles do Sistema de Información de Terras de Galicia (SITEGAL) que permite xestionar o Banco de Terras e que consta dunha parte pública para que calquera usuario poida consultar as parcelas incluídas neste banco, saber das características das mesmas e o seu estado actual. Ademais, salientou, “dito sistema tamén consta dunha parte privada para a xestión por parte dos técnicos da Consellería, co fin de dar de alta ou de baixa as parcelas existentes e, incluso, xerar os correspondentes contratos de arrendamento”.
Inés Santé trasladou que na actualidade se está a traballar para converter o SITEGAL nun sistema máis amplo, “capaz de centralizar todas as bases de datos, sistemas de información e rexistros da Consellería do Medio Rural que xestionan información cun compoñente xeográfico”.
A maiores, Inés Santé tamén explicou que se está en desenvolvendo outro sistema de información xeográfica para a participación pública, como suplemento ao SITEGAL, que consiste nunha aplicación para os dispositivos móbiles co fin de que as persoas participantes nos diversos procesos de participación pública poidan deseñar de forma sinxela a zona ocupada dun posíbel polígono ou aldea modelo e así saber os usos do solo, as parcelas que se incluirían, a pendente do territorio, entre outros aspectos.
Durante a súa intervención, a directora xeral tamén abordou o uso das novas tecnoloxías para desenvolver dous proxectos que optan aos fondos Next Generation. Neste senso, destacou as Smart Villages ou aldeas intelixentes impulsadas pola Comunidade Europea e que “en Galicia púxose xa en marcha coas coñecidas aldeas modelo”, dixo. Asemade, abordou as posibilidades do proxecto Rural Dixital 4.0, que contempla o desenvolvemento de infraestruturas, aplicacións, ferramentas e sistemas baseados nas TIC e nas novas tecnoloxías, co fin de alcanzar un territorio intelixente.

PUBLICIDADE