Galicia e Portugal colaboran na achega das TIC ao sector das renovables

venres, 16 de outubro do 2009 Raquel Noya

Co principal obxectivo de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a través das TIC, tres organizacións galegas e unha portuguesa veñen de asinar un convenio de colaboración para poñer en marcha o proxecto ER-INNOVA.
Trátase dun proxecto europeo de innovación que, baixo o lema A enerxía das TIC, materializarase nun programa piloto de implantación de ferramentas tecnolóxicas en aproximadamente un cento de pequenas e medianas empresas.
A intención é extenderse a continuación a todo o sector das renovables e incluso ser obxecto de transferencia a outros ámbitos de actividade, coas adaptacións precisas.
Os socios deste proxecto son: o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que actúa como xefe de fila; a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnoloxias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).
Esta iniciativa, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, desenvólvese ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e conta cunha financiación total de 931.693,68 euros.
O proxecto consta dunha primeira fase, consistente en levar a cabo o traballo de campo necesario para identificar as debilidaes e catalogar as necesidades reais e específicas das empresas enerxéticas da Eurorrexión, e dunha segunda, que consistirá en deseñar e desenvolver as ferramentas TIC, todas elas de código aberto, que permitirán mellorar a produtividade das entidades.
O ámbito de actuación destas ferramentas será, en primeiro lugar, o da xestión interna, a través de aplicacións de escritorio para as empresas tales como sistemas de planificación de recursos empresariais (ERP) e de administración da relación cos clientes (CRM).
En segundo lugar, traballarase en ferramentas orientadas a fomentar a cooperación en I+D+i e a venda por Internet. O resultado será, segundo afirman os seus responsables, “unha plataforma web para a articulación de proxectos colaboradores na área da investigación, o desenvolvemento e a innovación e para impulsar as transaccións en liña entre os distintos axentes que operan no mercado das enerxías renovables, con especial incidencia na implantación da factura electrónica”.

PUBLICIDADE