Galicia gaña en formación TIC para estudantes e profesionais pero perde en dixitalización dos maiores

mércores, 29 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Fundación BBVA presentou hoxe os principais resultados unha investigación que compara o nivel de desenvolvemento das Comunidades Autónomas en materia de educación. O informe, elaborado por media ducia de investigadores en docencia e innovación, achega datos moi relevantes sobre as diferenzas rexionais atendendo a parámetros dixitais. A investigación sitúa á cabeza das comparativas a Madrid e Cataluña. Estas e outras autonomías lideran as clasificacións en impulso formativo das matemáticas, en cantidade de graduados universitarios en estudos STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas) e en porcentaxe de empresas que empregan especialistas TIC ou que proporcionan formación TIC aos seus empregados. Ao final da clasificación están as comunidades do sur da Península, xunto con Castela A Mancha. Galicia estaría nas postos medios-altos en materia de estudantes de Matemáticas e proporción de graduados STEM,
Polo que se refire á táboa na que se reflicte por unha banda a taxa de empresas empregan especialistas en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, pola outra, a taxa de firmas que fornecen de formación dixital aos seus equipos humanos, Galicia ocupa os postos medios da clasificación, con 12,7 e 22,6 puntos, respectivamente, por diante de A Rioxa, Andalucía, Cantabria, Estremadura, Canarias e Castela A Mancha.
Onde saímos peor parados é na gráfica onde se mostra a proporción de cidadáns de 16 a 74 anos con, polo menos, habilidades dixitais básicas, a nosa terra ocupa o último posto cunha taxa do 50,4%.
Respecto dos peores indicadores acadados polas comunidades, os autores do informe sinalan que “en calquera caso existe marxe de mellora para alcanzar un mellor aproveitamento da dixitalización, que pasa por reducir a fenda dixital e por potenciar as competencias dixitais dos actuais e futuros traballadores e cidadáns”.

PUBLICIDADE