GaliciaTIC clausura a súa 20ª edición

xoves, 20 de outubro do 2022 Redacción

GaliciaTIC, o foro de referencia para o sector tecnolóxico organizado por INEO, clausurou na Cidade da Cultura a súa vixésima edición reunindo a máis de 300 participantes, contando con 44 relatores e ofrecendo un completo programa con, conferencias, seminarios e mesas temáticas e showrooms que supuxeron, en dous días, máis de vinte horas de actividade. Este é o balance co que se despide GaliciaTIC que, neste ano, celebrouse baixo o lema Crecemento, dixitalización e eficiencia.
O acto de clausura da XX GaliciaTIC contou coa intervención do vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde. “A ciencia de hoxe é a tecnoloxía de mañá. E quero felicitar a INEO por organizar un foro de referencia como este para un sector cun enorme impacto no crecemento económico”, puxo en valor o vicepresidente primeiro, antes de engadir que o sector TIC ten a dobre función de avanzar “na dixitalización e na sustentabilidade”, dous polos fundamentais para a “competitividade”.
Subliñou neste contexto o investimento que fixeron as empresas galegas en tecnoloxía en 2021, un 19% maior que o ano anterior, ata sumar 545 millóns de euros, segundo os datos publicados pola AMTEGA. Ademais, o uso da intelixencia artificial entre as pemes galegas medrou un 50% no último ano, escalando ata o quinto lugar a nivel estatal.
Conde, antes de poñer co seu discurso o broche de ouro ao programa deste ano, encargouse de facer entrega das distincións coas que GaliciaTIC quixo recoñecer o labor e implicación de sete entidades colaboradoras; cinco delas empresas privadas e os dous restantes, institucións pertencentes á administración pública galega.
O director de Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, recibiu a distinción de mans do vicepresidente, igual que Norberto Penedo, director de Competitividade do Instituto Galego de Promoción económica (IGAPE). Desde a iniciativa privada, Deloitte foi unha das empresas distinguidas e na súa representación subiu ao escenario Miguel Barroso, socio responsable da zona noroeste de Deloitte. Por parte de Edisa, a súa directora comercial Vanesa Fábregas recolleu este recoñecemento, igual que Fernando Vázquez, CEO de Imatia; Nani Fernández, directora de relacións institucionais de Orange, e Alfredo Ramos, director de R, fixérono en nome das súas respectivas empresas. Luís Rey, director de operacións de INEO, agradeceu en clausúraa en nome da organización a todas as entidades a súa implicación ao longo de dúas décadas de traxectoria do foro.
GaliciaTIC abordou este ano en diferentes relatorios asuntos tan variados e tan presentes na realidade do sector tecnolóxico como son a ciberseguridade, a intelixencia artificial, as relacións dentro da chamada tripla hélice da innovación (administración-empresa-formación académica), os incentivos fiscais para o sector TIC, os retos de futuro #ante situacións disruptivas que se están vivindo a nivel internacional ou as novidades respecto ao Kit Dixital.
E como gran novidade deste ano, o mércores celebrouse a Feira de Emprego TIC que puxo en contacto a trece empresas tecnolóxicas con máis de 180 alumnos e alumnas TIC de FP. Os obxectivos desta iniciativa eran atraer talento mozo, fomentar posibles ofertas de traballo e vincular o futuro laboral das novas xeracións a un sector, o tecnolóxico, que supón xa o 3% do PIB de Galicia e que crea cada ano un 4,5% máis de postos de traballo de alta cualificación.

PUBLICIDADE