Garou: Mark of the Wolves rexurde en Xbox 360

mércores, 24 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos de loita de recreativas, e especialmente aos de Neo-Geo, recibirán cos brazos abertos a chegada de Garou: Mark of the Wolves a Xbox LIVE Arcade, de xeito que por 800 puntos (9,6 euros) pode mercarse este xogo coma descarga para a Xbox 360, e mesmo conta cunha versión de demostración na que só podemos ver a 2 dos personaxes deste título da saga Fatal Fury, considerado coma unha das mellores entregas desta saga de SNK que xa contara con adaptacións para PlayStation 2 e Dreamcast.
Pasaron xa 10 anos dende o lanzamento de Garou para máquinas recreativas, e esta nova adaptación conserva totalmente os gráficos e o sistema de xogo do título orixinal, non sendo unha versión mellorada coma outros xogos do xénero (do que o principal expoñente é Super Street Fighter II Turbo HD Remix) o que pode supor un lastre para o éxito deste intenso e aditivo xogo no que podemos controlar a Terry Bogard e a 12 loitadores que non apareceran en anteriores entregas da saga, dándolle un aire fresco que se agradeceu nos seus días.

O xogo adaptouse ao formato panorámico engadindo ilustracións estáticas aos lados, de xeito que conserva totalmente os gráficos orixinais da versión de recreativa

PUBLICIDADE