Gato Salvaje completa con éxito o seu proxecto de micromecenado

luns, 27 de maio do 2013 Marcus Fernández

Os visitantes a ExpOtaku puideron transmitir as súas preguntas ao guionista de comics Greg Rucka, quen escribirá os capítulos 3 e 4 do xogo coruñés AR-K

O estudio coruñés de videoxogos, Gato Salvaje, especializado na creación de aventuras gráficas para PC, leva bastantes meses teimando en facer realidade o seu xogo episódico AR-K, que tras estrear un primeiro capítulo para ordenadores persoais precisaba dun importante pulo para desenvolver o seus tres seguintes episodios, reto que os levou, por unha banda, a dar o salto a dispositivos móbil (onde as aventuras gráficas están a gozar de boa saúde actualmente) e, por outra, a procurar financiamento das masas a través de Kickstarter.
Tras un primeiro intento frustrado na plataforma de micromecenado norteamericana dende Gato Salvaje aprenderon a lección, e antes de insistir procuraron engadir incentivos ao seu proxecto que conseguisen captar atención sobre o mesmo, como a fichaxe de Ash Sroka para dobrar á protagonista do xogo na súa versión en inglés (Sroka puxo voz a Tali’Zorah vas Normandy na triloxía Mass Effect) e do célebre guionista de comics Greg Rucka para desenvolver os episodios 3 e 4 de AR-K (o segundo episodio xa está practicamente rematado).
Unha ver reforzada a proposta de Gato Salvaje, lanzáronse a Kickstarter nun segundo intento no que buscaban facerse con 100.000 dólares para poder converter a súa aventura gráfica point and click nun produto completo, permitindo non só que o xogo vexa a luz en PC, OS X e dispositivos móbiles, senón tamén que apareza localizado en múltiples linguas, con máis calidade da prevista inicialmente, e incluso adaptando o título para persoas con deficiencias visuais.

Rucka comentou numerosos detalles sobre o mundo do cómic, os videoxogos e a industria do cultural en xeral

A campaña de micromecenado desenvolveuse durante todo un mes, e dentro do pulo final para facer o proxecto realidade recalouse o evento coruñés ExpOtaku, para o que Gato Salvaje reservou unha agradable sorpresa para os afeccionados aos comics que visitaban o recinto de EXPOCoruña, que tiveron a oportunidade de participar nunha completa videoconferencia a través de Skype con Greg Rucka, conducida por Fernando Prieto, na que o gañador de 4 premios Eisner e autor de guións para series de banda deseñada moi coñecidas (Action Comics, Adventures of Superman, Batman, Gotham Central, Supergirl, Wonder Woman, Daredevil, Punisher, Spider-Man e Wolverine, entre outras) respondía as preguntas de se lle facían en vivo. Rucka comentaba tanto detalles da súa carreira como do proxecto que está a emprender con Gato Salvaje, á vez que daba a súa opinión sobre tendencias de futuro, como a edición dixital, a necesidade de cada soporte de adoptar unha linguaxe de seu ou os perigos dos monopolios na distribución.
A esta actividade uníronse algunhas actualizacións de última hora ao proxecto de Kickstarter, como ofrecer un curso 5 días sobre animación 3D ou ilustración para os mecenas que achegaran 100 dólares ao desenvolvemento de AR-K e mellorar os incentivos para os que aportasen dende 50 dólares, de xeito que, pese a que a 9 horas de rematar a campañas só conseguiran recadar o 81% do capital necesario, este último esforzo conseguiu que o proxecto culminase con éxito sumando 879 apoios por un total de 101.564 dólares (78.463 euros).


Vídeo de adianto do segundo capítulo de AR-K

ExpOtaku volveu a confiar nos videoxogos

No recinto de EXPOCoruña podiamos ver consolas clásicas como a Super Nintendo

Pero a presenza de Gato Salvaje en ExpOtaku non foi a única presenza do mundo dos videoxogos neste encontro sobre a cultura xaponesa que, pese a estar orientada principalmente a manga e anime, sempre ten moi presente o lecer dixital, tanto nos tipos de produtos á venda nos seus expositores como na vestimenta dos seus asistentes (non eran poucos os que acudían disfrazados de personaxes de videoxogos), o que formalmente puido comprobarse en campionatos de videoxogos que se desenvolveron durante 3 días seguidos e cunha exposición de consolas de videoxogos que podían empregarse libremente, entre as que figuraban clásicos como a Super Nintendo ou a SEGA Megadrive permitindo que os nostálxicos puideran lembrar a súa infancia e que as novas xeracións probasen en primeira persoa os alicerces de moitas sagas e compañías das que gozan actualmente.

Durante a celebración de ExpOtaku desenvolvéronse varios torneos de videoxogos
En ExpOtaku podíase gozar en persoa de varias consolas de videoxogos clásicas

PUBLICIDADE