Gears of War 4 chega a Xbox One e PC

martes, 11 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O prato forte da Xbox One de cara á campaña de Nadal xa está aquí, podendo mercarse xa Gears of War 4, que desta volta, na liña da nova estratexia de Microsoft, non só chega con versión para consola, senón que tamén está dispoñible para PC dentro do programa Xbox Play Anywhere (ou sexa, que os usuarios que o merquen en dixital para unha plataforma poderán xogalo tamén na outra sen custo adicional, e podendo incluso compartir progresos entre ambas). Iso si, par gozar do xogo en ordenadores persoais recoméndase un equipo bastante potente, con 8 GB de RAM, e unha gráfica nVIDIA GeForce 970 con 4 GB de memoria ou algo semellante, aínda que cunha GeForce 750 Ti con 2 GB de memoria xa sería posible gozar deste título con certa dignidade.
Dado que Gears of War estaba considerado como unha triloxía na que se contaban as aventuras de Marcus Fenix (Gears of War: Judgement sería unha sorte de spin-off), esta nova entrega supón o inicio dunha nova saga ambientada 25 anos no futuro, no que será JD Fenix, fillo do anterior protagonista, o que colla o relevo para defender á humanidade das novas ameazas monstruosas, para o que contará coa axuda dos seus amigos Kait e Del.
Gears of War 4 está considerado como o xogo con mellores gráficos para Xbox One (aínda que en PC tamén destaca, especialmente se temos un equipo capaz de mover gráficos en ultra alta definición), e presenta unha sólida campaña para un xogador, así como modos multixogador tanto cooperativos como competitivos, que presume de manter o xogo a 60 fotogramas por segundo nas partidas multixogador Versus, deixando clara a aposta pola acción frenética de Microsoft Studios.

Tráiler de lanzamento de Gears of War 4

PUBLICIDADE