Gemini estrea aplicación nativa para macOS

mércores, 15 de abril do 2026 Redacción

Un día despois do lanzamento da aplicación de Google para Windows, que achegaba funcións de intelixencia artificial aos escritorios informáticos baseados no sistema operativo de Microsoft, a compañía de Redmond dá un paso máis na súa estratexia multiplataforma coa chegada da aplicación de Gemini a macOS en formato nativo.
A nova ferramenta está concibida para integrarse directamente no fluxo de traballo dos usuarios de Mac, cun enfoque centrado na rapidez de acceso e na continuidade das tarefas. A través dun atallo de teclado (Option + Espazo), a aplicación permite invocar Gemini en calquera momento sen necesidade de cambiar de fiestra, o que reduce friccións habituais no uso de asistentes dixitais.
Un dos elementos máis destacados desta versión é a posibilidade de compartir a pantalla ou unha fiestra concreta co asistente, proporcionando contexto inmediato sobre o que o usuario está a visualizar. Esta funcionalidade permite, por exemplo, analizar gráficos complexos, resumir contidos ou obter explicacións sobre documentos locais en tempo real, ampliando as capacidades de asistencia máis alá das consultas textuais tradicionais.
Google subliña que esta integración contextual tamén resulta especialmente útil en ámbitos creativos e profesionais. Así, mentres se elabora un informe ou se traballa cunha folla de cálculo, Gemini pode resolver dúbidas puntuais ou ofrecer suxestións sen interromper o fluxo de traballo. Ademais, a aplicación incorpora opcións para a xeración de contidos multimedia, como imaxes ou vídeos, directamente desde o escritorio.
A aplicación nativa de Gemini para macOS xa está dispoñible de balde para todos os usuarios do servizo que empreguen versións do sistema operativo a partir de macOS 15, e pode descargarse directamente desde a web oficial de Google. Este lanzamento sitúase como unha primeira fase dun proxecto máis amplo co que a compañía pretende construír un asistente de escritorio cada vez máis persoal, proactivo e integrado nas dinámicas cotiás de uso dos computadores.