Geometry Wars: Retro Evolved xa funciona en Xbox One

venres, 26 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Hai pouco Microsoft anunciou que cesaban a activación mensual de xogos de Xbox 360 como retrocompatibles para Xbox One, de xeito que non habería que agardar a unha data en concreto para ver os vellos xogos que poderían correr nunha consola moderna, senón que a retrocompatibilidade iríase activando en función da súa dispoñibilidade, e precisamente por iso moitos celebran agora que o xogo Geometry Wars: Retro Evolved xa funciona en Xbox One.
Geometry Wars: Retro Evolved está actualmente dispoñible para Xbox 360 a un prezo de 4,79 euros, e converteuse en todo un imprescindible para a anterior consola doméstica de Microsoft tras o lanzamento da revolución de Xbox LIVE Arcade.
Aínda que este shooter espacial estaba concibido como un mini-xogo do que podía gozarse no garaxe do xogo de condución Project Gotham Racing 2, dende Bizarre Creations souberon ver o seu potencial, e transformárono nun xogo independente (de aí a sentenza Retro Evolved) para que se puidese mercar a través de Xbox LIVE Arcade, para rematar converténdose en toda unha serie de xogos (Evolved, Galaxies, Retro Evolved 3, Touch, Dimensions...) chegando a plataformas como a Nintendo DS, a Wi, a PlayStation 3, o PC ou o iPhone, aínda que a última entrega da saga, Geometry Wars 3: Dimensions, foi desenvolvida por Lucid Games, xa que Bizarre Creations botou o peche en 2011.

PUBLICIDADE