Ghost’n Goblins estrea versión móbil

xoves, 16 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Capcom sorprendeu hoxe estreando na App Store e en Google Play unha versión móbil do clásico Ghost’n Goblins, o célebre xogo de acción de desprazamento lateral no que controlamos ao cabaleiro Sir Arthur nunha aventura ao rescate da princesa Prin-Prin nun mundo ateigado de demos e mortos viventes que nos atacan.
Estamos ante un xogo que trunfou nas máquinas recreativas nos anos 80, e que tivo unha grande influencia, converténdose en todo un referente que non só tivo varias secuelas, senón que incluso inspirou a títulos como o español Maldita Castilla.
Esta nova versión recupera fielmente a experiencia da máquina recreativa orixinal, aínda que ofrecendo tamén un modo de xogo casual (con dificultade rebaixada), táboas de puntuación globais en liña e logros desbloqueables, elementos que son moi de agradecer, pero que non rematan de compensar a grande eiva do xogo: o seu sistema de control. O xogo adoptou uns controis virtuais en pantalla que son todo un atranco para un título con este nivel de dificultade e precisión, de xeito que a súa experiencia de xogo é bastante incómoda, aínda que os máis partidarios deste xogo probablemente decidan facerse con el impulsivamente xa que actualmente ten un prezo de lanzamento reducido (0,99 euros en iOS e 1,19 euros en Android).

PUBLICIDADE