Ghostwire levará a realidade aumentada á Nintendo DSi

martes, 26 de maio do 2009 Marcus Fernández

O lanzamento da Nintendo DSi daba a entender que simplemente suporía unha aposta por parte do seu fabricante polas descargas dixitais coma canle de comercialización para xogos, e que a súa cámara sería un mero complemento, pero algunhas compañías poderían tirar proveito desta funcionalidade da consola portátil de Nintendo para experimentar coa realidade aumentada, sendo un interesante exemplo Ghostwire, un xogo de aventuras desenvolvido polos suecos A Different Game, no que permiten que o xogador poida localizar pantasmas distribuídos ao seu redor no mundo real, e que pode detectar coa axuda da cámara da DSi, presentando en pantalla as imaxes que enfoquemos, coas pantasmas virtuais integradas.
O futuro xogo permitirá así combinar o mundo real e virtual combinando a cámara, o micrófono e a pantalla táctil da Nintendo DSi, creando unha experiencia de xogo inédita digna de admiración, aínda que haberá que agardar para ver se este xogo é un éxito rotundo (o que sen dúbida daría orixe a ducias de xogos semellantes) ou unha mera anécdota.

PUBLICIDADE