God of War Ragnarök vende 5,1 millóns de copias na súa primeira semana

xoves, 24 de novembro do 2022 Marcus Fernández

O agardado xogo God of War Ragnarök non só está a recibir boas críticas, senón que está a ter un éxito comercial impresionante, pese ao complexo momento que están a vivir as consolas PlayStation polas súas dificultades para saltar á nova xeración (polas poucas unidades que se poñen á venda cada vez da PS5).
Veñen de publicar datos de PS4 e PS5 con data do 13 de novembro, e God of War Ragnarök sería a entrega da saga con mellor estrea, conseguindo vender 5,1 millóns de copias na semana do seu lanzamento e converténdose no lanzamento first party que máis rápido vendeu.
Aínda falta bastante para que poidamos facernos unha idea do total de unidades que poderá vender esta nova entrega das aventuras de Kratos e Atreus, pois o xogo de 2018 conseguira vender 19,5 millóns de copias para consola, e actualmente tería superado os 23 millóns de copias vendidas (polo que podemos entender que o seu lanzamento para PC conseguiu ampliar o público da franquía en millóns de xogadores).

PUBLICIDADE