Gonzalo Martín animou ás empresas galegas a crear e distribuír audiovisual dende a vangarda

mércores, 3 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Gonzalo Martín con Jorge Cebreiros, presidente de Ineo

O blogueiro Gonzalo Martín, especialista nos moitos espazos de colaboración entre o audiovisual e as TICs, estivo os días pasados en Vigo (na Zona Franca) e na Coruña (na Confederación de Empresarios) para botar unha man no reforzamento do noso potencial como país de vangarda no eido das novas linguaxes tecnolóxico-dixitais. Os relatorios de Martín, coorganizados por Ineo, foron especialmente dirixidos a empresas do sector das novas tecnoloxías e ás xeradoras de contidos audiovisuais (filmes, curtas, xogos). Segundo se informa en Enpalabras.com e máis no caderno en liña de Gonzalo Martín, as intervencións comezaron marcando as diferenzas con outras xornadas semellantes nas que se teñen dado por sentados certos coñecementos cos que non se contaban. Ou sexa, que os relatorios comezaron polo “principio”, despexando dúbidas co fin de achegar a seguinte realidade: a televisión xa non é o aparello que tivemos prendido todo o día e que durante anos operou como o centro do fogar arredor do cal xiraban tódalas cousas e, tamén, todos nós.
Esta realidade, sinalou, tamén é aplicable á industria musical, arestora en fase de transformación e de reactivamento grazas aos ingresos acadados co que antes era un simple gasto: os vídeos musicais que chegan a YouTube. “Os contidos xa non esmorecen, e esa abundancia suprime os filtros artificiais que até hai ben pouco marcaban as pautas”, sinalou. Tanto a través da televisión como nas redes temos polo tanto a un espectador que non é pasivo e que se involucra comentando. En opinión do blogueiro, cómpre ter en conta sempre esta realidade dende a base mesma de calquera proxecto que teñamos entre mans. “Co portátil nos xeonllos, as marcas foron relevadas polas comunidades, o hiperregulamento polas posibilidades da rede; a televisión xa non é polo tanto o centro da familia”, engadiu.
O problema vén, dixo, á hora de xestionar todo este eido multiplataforma que entra polos nosos fogares. Na súa opinión, entre os exemplos de innovación tecnolóxico-audiovisuais máis salientables dos últimos anos figuran iniciativas como Hulu, televisión de pago que introduciu a posibilidade de saltar a publicidade, probando efectos de visualización, ou permitíndolle ao usuario que o contido se puidera incrustar noutros sitios. “Hulu Plus”, dixo, “coa súa practicamente ilimitada oferta de 9,99 dólares chegou a deseñar unha oferta desconcertante a nivel industrial”. Amais do devandito, Martín tamén citou os interesantes camiños abertos por Filmin (na estrea simultánea de filmes, mesmo directamente en Internet) ou, dende o lado independente, o caso de Vodo, unha comunidade que suple a carencia de cartos co financiamento colectivo de producións, ben con títulos minoritarios que podes ver e descargar e polos que pagas o que queiras, ben reunindo a un grupo de interese que poda financiar as producións.

PUBLICIDADE