Google Chrome é xa o navegador máis empregado do mundo

martes, 22 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O navegador Google Chrome experimentou nos últimos anos unha importante suba a nivel de número de usuarios, sendo hoxe en día o primeiro da listaxe. Ao seu favor: que o Internet Explorer de Microsoft iniciou hai tempo unha certa decadencia que coa versión 9, por moitas que sexan as virtudes, non dá escorrentado definitivamente. Polo tanto, e coa axuda do cada vez máis onmipresente buscador Google, poñerse por enriba semellaba cousa doada. Esta posición de privilexio de Chrome vese especialmente en países como Reino Unido, tal e como se sinalou o pasado verán na Rede.
Os datos sobre a posición actual do navegador, a nivel mundial, veñen da man de StatCounter. A través deles explícase en boa medida o ascenso da ferramenta, moi ligado á velocidade que pon en xogo, xa que semella ir alén (repetimos, cunha axuda de excepción: a da tecnoloxía do xigante-buscador Google) do que achegan os competidores. Segundo apuntan en alt1040, as prestacións do Chrome salientan non só polo nivel de sincronización coa familia Google (e os seus múltiples fillos e fillas) senón tamén nas diferentes complementariedades adquiridas co sistema operativo libre Android (tamén de Google, e para dispositivos móbiles) e as súas versións. Outro punto é a feitura limpa e nidia, cousa que os usuarios, nuns tempos en que o exceso de información e recursos é case peor que unha certa ausencia, agradecen e á vista está.

PUBLICIDADE