Google Drive chega convertendo Google Docs nun sistema de almacenamento en liña

martes, 24 de abril do 2012 Marcus Fernández

O servizo rumoreado durante anos convértese hoxe en realidade, e xa está dispoñible de xeito público Google Drive, o sistema de almacenamento en liña de Google, que vén a funcionar como unha expansión de Google Docs (servizo co que se integra totalmente) pero engadindo o almacenamento de arquivos con propósito xeral, cunha capacidade inicial de 5 Gb que pode incrementarse a 25 Gb por 2,49 dólares/mes, a 100 Gb por 4,99 dólares/mes ou a 1 Tb por 49,99 dólares/mes, coa vantaxe adicional de que os usuarios de pagamento gozarán de 25 Gb de almacenamento en Gmail.
Google Drive non só é axeitado para facer copias dos nosos documentos de traballo e ficheiros multimedia, tanto como copia de seguridade como para telos dispoñibles a través da nube dende distintos dispositivos, senón que tamén resulta axeitado para empresas, polas súa alta dispoñibilidade, a súa seguridade e a súa flexibilidade, podendo chegar a contratarse almacenamentos de ata 16 Tb.
Neste momento Google Drive tamén pode completarse con aplicacións para o ordenador (que facilita a sincronización transparente de documentos a Google Drive) ou para móbiles Android, dotando ao servizo dunha dispoñibilidade tan cómoda como completa.


Vídeo de presentación de Google Drive
ACTUALIZACIÓN: Para celebrar o lanzamento de Google Drive amplían a capacidade de Gmail de 7,5 a 10 Gbytes.

PUBLICIDADE