Google Reader deixará de funcionar nas vindeiras horas

luns, 1 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Hoxe é un día fatídico para moitos usuarios, pois o servizo Google Reader botará o seu peche, o que presenta unha última oportunidade para facer unha copia de seguridade das canles RSS á que un se tiña subscrito (a través de Google Takeout) ou incluso para migrar a algunha das súas alternativas, que en varios casos permiten a importación das nosas subscricións directamente dende o servizo de Google, o que facilita enormemente o proceso.

Feedly está a converterse no principal substituto a Google Reader

Existen moitas alternativas baseadas en aplicacións de escritorio e móbiles, como Reeder, Flipboard, Pulse... aínda que son solucións moi diferentes, e dificilmente recomendables para os que gusten da versatilidade de Google Reader, usuarios que están a optar masivamente por Feedly, servizo que clonou a API de Google Reader, o que facilitou que numerosas aplicacións de terceiros (como Nextgen Reader, Press, gReader ou Meneré) desen o salto a esta plataforma dun xeito case transparente.
Pero hai moitas outras solucións alternativas, como unha páxina web moi semellante a Google Reader (The Old Reader), un lector desenvolvido polos responsables de Digg (que busca engadir valor ás fontes de información) e un moi prometedor AOL Reader (que pese a estar en probas, parece a mellor solución dispoñible despois de Feedly, agardando estrear aplicacións para IOS e Android en breve).
Temos así moitas solucións para deixar de utilizar Google Reader, aínda que haberá que agardar semanas antes de saber cal é realmente a mellor, pois o seu bo funcionamento non depende só das súas prestacións, senón principalmente da dispoñibilidade e velocidade dos servizos, o que non poderá coñecerse ata que topemos con escenarios de uso real por parte de numerosos usuarios orfos do lector de Google.

Aínda en beta, AOL Reader promete ser un bo substituto para Google Reader

PUBLICIDADE