Google TV chega a Reino Unido e outros países europeos no verán
luns, 25 de xuño do 2012
- O NSZ-GS7 é o primeiro dispositivo con Google TV que chegará no verán ao Reino Unido
Hai un par de anos chegou con pouca fortuna a plataforma
Google TV aos EE.UU. e agora que están a renovar esta proposta para achegar a
Rede ao televisor, e grazas á colaboración de Sony, queren
achegar esta experiencia a Europa, comezando por Reino Unido, onde vai
estrearse no mes de xullo Google TV grazas á chegada ao seu mercado do NSZ-GS7, un
dispositivo con esta tecnoloxía que por 200 euros permite levar a Internet ao
televisor cunha experiencia marcada por Google. Máis adiante tamén teremos unha
solución semellante integrada no reprodutor de discos
Blu-ray NSZ-GP9, que tamén integrará Google TV e terá un prezo de 300 euros.
- Google TV é o n-ésimo intento de levar a Internet ao televisor dun xeito atractivo para o usuario doméstico
Estes novos produtos venderanse inicialmente en Reino Unido, Francia, Alemaña e
Holanda, descoñecéndose polo momento cando chegarán ao mercado español (aínda
que é de agardar que sexa despois de comprobar a resposta comercial deste
produtos, que parecen ter bastante complicada a súa adopción por parte dos
consumidores).
Estas solucións buscan casar a Internet coa televisión no salón, para o que
integran tanto o navegador web Google Chrome como aplicacións para Android, de
xeito que pode acceder a YouTube, Twitter e moitas outras aplicacións adaptadas
ao televisor.
Un dos puntos fortes destes produtos de Sony é o mando a distancia que
empregan, que presenta dúas caras, de xeito que por un lado temos un mando sinxelo
cun touchpad que permite un control
táctil, mentres que pola outra cara conta cun teclado completo para a
introdución de texto en pantalla dun xeito áxil.
Pese aos esforzos de Google e Sony, estes produtos aínda parecen estar lonxe de
satisfacer aos usuarios finais, e as primeiras críticas dos mesmos aseguran
que, pese a ter mellorado considerablemente a experiencia de Google TV con
respecto das anteriores versións, continúa
sen dar o talle.
Demostración en vídeo de Google TV
- O NSZ-GP9 é un reprodutor de Blu-ray que integra Google TV, o que parece unha opción máis atractiva que a adquisición dun dispositivo destinado unicamente ao acceso de servizos en liña