Google dedícalle hoxe a páxina de inicio ao aniversario de Muybridge

luns, 9 de abril do 2012 Raquel Noya

Hoxe celébrase o 182 aniversario do nacemento de Eadward J. Muybridge, un investigador e fotógrafo británico que non falta en ningún manual da historia da fotografía e a quen, malia ser un completo descoñecido para moita xente, Google non deixou de dedicarlle o seu propio doodle.
Nesta ocasión, o xigante americano utiliza un doodle animado que se basea no popular experimento co que Muybridge sentou as bases do que sería o cinematógrafo: o cabalo en movemento, que aparece na páxina principal do buscador.
O logotipo de Google convértese nesta ocasión en diferentes diapositivas que recrean o experimento de Muybridge e que borran completamente o logo da compañía, mantendo unicamente as cores corporativas, sempre inconfundibles.
Ao facer clic no mosaico reprodúcese o movemento do cabalo fotografado en maio de 1872 por Muybridge, no marco da investigación coa que trataba de responder a unha polémica que enfrontaba aos afeccionados ás carreiras de cabalos da época, que era se estes animais tocaban o chan cos seus cascos mestres corrían.
O experimento alongouse durante uns seis anos, tempo no que Muybridge perfeccionou o obturador da cámara ata acadar exposicións record de velocidades de ata 1/500 de segundo, que darían paso a secuencias de 12 fotografías, tomadas cada medio segundo.
Este doodle animado dedicado a Muybridge únese ás homenaxes de Google dedicadas a Les Paul, Charles Chaplin ou Freddy Mercury, entre outros.

PUBLICIDADE