Google pecha o seu estudio de videoxogos para Stadia

luns, 1 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

En marzo de 2019 no marco da Game Developers Conference Google realizou unha conferencia na que presentou a súa plataforma de xogo na nube Stadia e anunciando que tomaban aos videoxogos en serio montando Stadia Games and Entertainment (SG&E), un estudio de videoxogos dirixido por Jade Raymond, e agora, sen chegar a publicar nin único xogo, anuncian o peche de SG&E.
Nos primeiros meses de vida de Stadia moitos eran os estudios que desconfiaban de Google, xa que non vían que a compañía de Mountain View estivese a apostar con forza suficiente, polo que desenvolver para unha plataforma cunha esperanza de vida moi discutible era un risco demasiado grande, temor que pode acrecentarse tras o anuncio de que esta plataforma non terá xogos first party, aínda que nos vindeiros meses podería mudar bastante o xeito de entender Stadia, xa que estreará en breve cliente para Google TV e, na segunda metade do ano, para televisores de LG, facendo moi visible o concepto de consola virtual ou consola sen consola.
Dende Stadia venden o peche de SG&E como un cambio de estratexia para centrar os esforzos en facer viable a súa plataforma, así como cumprir con todas as características anunciadas na súa presentación (que aínda non están plenamente desenvolvidas), aínda que o que podemos entender deste cambio de dirección é que Google non quere seguir os mesmos pasos que compañías como Sony ou Microsoft, e busca explorar outros xeitos de consolidar este novo negocio sen ter que apostar pola creación de títulos exclusivos desenvolvidos por eles mesmos (ámbito no que carecían de experiencia).
Ante esta nova estratexia de Stadia tamén anuncian que Jade Raymond decidiu abandonar Google para buscar outras oportunidades no sector dos videoxogos.

PUBLICIDADE