Google presenta oficialmente o Nexus One

martes, 5 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Como era de prever, o evento de presentación que organizou Google para esta tarde correspondía á posta de longo do móbil Nexus One, un terminal fabricado por HTC que funcionaría co sistema operativo Android 2.1 e do que nos últimos días fomos coñecendo practicamente todos os seus detalles técnicos, que agora confírmanse.
Estamos ante un móbil que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz e que conta cunha pantalla AMOLED de 3,7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, un trackball cun LED multi-cor (que serviría para notificar distintos eventos), sensores de luz e proximidade, GPS, compás dixital, acelerómetro, un grosor de 11,5 milímetros (menos que un lapis do número 2) e 130 gramos de peso, unha cámara de 5 Mpíxeles con flash LED e a posibilidade de gravar vídeo en MPEG-4 (que poden subirse a YouTube cun único clic), Bluetooth estéreo, toma estándar de auriculares, supresión de ruído activa e carcasa personalizable (poderá gravarse un texto na súa parte traseira, como xa acontece actualmente cos iPod de Apple).
No tocante ao software, funciona co mencionado Android 2.1 e inclúe aplicacións para acceder a servizos coma Facebook ou incluso ao sistema de navegación GPS, fondos de escritorio animados e interactivos, capacidade 3D (presente no seu visualizador de fotografías)… de xeito que poderiamos dicir que é o máis semellante a levar un PC no peto que podemos atopar no mercado.

A potencia 3D do Nexus One pode apreciarse ata no seu visor de fotografías

PUBLICIDADE