Goon City nace como a cidade virtual do pixel art

luns, 15 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Dende westerns ata películas de ciencia ficción se xuntan en Goon City

Na web hai moita presenza de ilustracións coñecidas coma pixel art ou arte pixelado, que veñen a ser debuxos realizados imitando as reducidas prestacións gráficas dos videoxogos dos anos 80 que son toda unha icona cultural. É doado atopar moitas parodias e homenaxes aproveitando este recurso artístico, e grazas a un proxecto de Ryan Allen (un dos ilustradores de Gawker Media) podemos ver un mapa en perspectiva isométrica que emprega código de Google Maps para permitir o desprazamento polo que se dá en chamar Goon City.
Esta cidade recolle moitas mostras de pixel art e resulta moi divertida de visitar, para recoñecer os distintos elementos homenaxeados coma o Castelo de Grayskull, a nave de Wall·E, un Stargate, vehículos de Star Wars, a sede de Planet Express (da serie Futurama), o bar de Moe (dos Simpson), un escenario do Show de Truman, o fogar dos Simpson, un nivel de Super Mario Bros ou a hamburguesería de Clerks 2.
Este proxecto está en constante crecemento, de xeito que as parcelas baleiras se irán cubrindo con outras referencias culturais que constrúen un representación artística dos novos tempos.

PUBLICIDADE