Gradiant exporá en EE.UU. as súas tecnoloxías con aplicación en Vehículos Aéreos non Tripulados
venres, 22 de abril do 2016
O Centro
Tecnolóxico Gradiant vai amosar no evento XPonential
as súas tecnoloxías para UAV (Unmanned Aerial
Vehicle, traducíbel
por Vehículo Aéreo non Tripulado) . Segundo
informa o centro, o devandito evento é un dos máis referenciais a
nivel internacional no sector deste tipo de unidades móbiles aéreas.
Celebrarase en Nova Orleans (Estados Unidos) entre o 2 e o 5 de maio
e vén da man da organización AUVSI (Association
for Unmanned Vehicle Systems International) unha entidade
internacional sen arela de lucro adicada en exclusiva ao pulo da
comunidade de sistemas non tripulados e robótica. “Trátase dunha
cita ineludíbel e un punto de encontro para todos os profesionais,
empresas e institucións relacionadas cos UAV”, sinala Gradiant.
Nun plano máis concreto, servirá para expoñer
todo tipo de aplicacións civís e de defensa deste tipo de vehículos
aéreos. A previsión é acoller máis de 8.000 líderes industriais
e profesionais de máis de medio cento de países.
O centro tecnolóxico galego acode en calidade de
expositor grazas á colaboración de ICEX, que despregou un
emprazamento específico para participantes estatais chamado Espazo
España dentro da exposición, “unha contorna na que ocuparemos
unha caseta destacada, a caseta 2447 do Hall 2”, engade Gradiant,
que amosará dende o seu stand tecnoloxías propias con
aplicación en UAV, como por exemplo os seus desenvolvementos en
comunicacións avanzadas, ou as súas tecnoloxías en analítica de
datos. “Estes desenvolvementos”, explican dende o centro galego,
“foron postos a proba en múltiples proxectos de I+D para empresas
estatais e estranxeiras, e amosan as capacidades de innovación de
Gradiant nun mercado tan competitivo como o do os Vehículos Aéreos
non Tripulados”.