Gran Turismo 5 permitirá xogar con karts

venres, 20 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O xogo inclúe un editor de circuítos e moitas outras novidades

Se hai un xogo coñecido pola demora no seu lanzamento este é, sen dúbida, Gran Turismo 5, o que incluso provocou que en marzo de 2008 puxesen á venda unha especie de versión de demostración de pagamento chamada Gran Turismo 5 Prologue, e finalmente teremos tal agardado título o 3 de novembro, achegando Poliphony Digital máis detalles sobre o mesmo, entre os que están novidades coma un completo editor de circuítos que permite xerar as nosas propias pistas e compartilas coa comunidade de usuarios, aínda que a moitos tamén sorprenderá o feito de poder gozar dentro do xogo de carreiras de karts, prestación que tiñan reservada para Gran Turismo 6, pero que finalmente decidiron adiantala a este novo título.
O xogo tamén ofrecerá a posibilidade de tomar fotografías no modo Photo Travel, que incluso é compatible con 3D, o que resulta realmente impresionante, aínda que os usuarios máis expertos preferirán optar por asumir o papel dun director de carreira, comezando cun condutor e podendo controlar ata a 6 segundo vai progresando o xogo (mandando ordes durante as carreiras e estando pendente do estados dos pilotos) no que coñecerase coma GT Life.
Gran Turismo 5 contará con máis de 950 coches, máis de 20 localizacións, máis de 70 variacións de circuítos, gráficos realistas, modos de xogo GT, Arcade e Autoescola, eventos coma NASCAR e WRC e a posibilidade de transferir o garaxe da versión de PlayStation 3 á PSP.

Finalmente será posible pórse ao volante dun kart no Gran Turismo 5

PUBLICIDADE