Gran participación prevista na segunda edición de InnovAmes

mércores, 14 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

O Concello de Ames organiza unha nova edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas locais que se celebra este venres, 16 de decembro, no Pavillón Polideportivo do Milladoiro. O obxectivo deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames.
Participará persoal de preto de 20 empresas amesás, alumnado dos centros de ensino de Ames, persoal do centro coworking A Proa e representantes das tres universidades galegas. Case todos disporán dun stand, e outros participarán en relatorios e mesas de debate. Ademais, Radio Galicia - Cadena Ser emitirá o seu programa Hoy por Hoy dende o pavillón.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “no InnovAmes participan empresas de Ames que son un referente da innovación e que conviven no noso concello. Cremos necesario facer un gran evento de recoñecemento das nosas empresas”.
A xornada comeza ás 10.00 horas cunha mesa inaugural e presentación dos diferentes stands. Na mesa inaugural participará a concelleira, acompañada de personalidades entre as que estará Blas García, alcalde de Ames. Unha vez rematado o acto inaugural comezarán as charlas e mesas de debate. A empresa Tecalis falará sobre o metaverso e creará un avatar do alcalde. Tamén se presentarán os proxectos educativos finalistas aos Premios InnovAmes, seguido da entrega destes e unha exhibición de drons.
Ás 16.30 horas, varias empresas falarán da produción audiovisual para a educación, e presentaranse os proxectos finalistas aos premios para empresas, seguido dun relatorio con Alfonsin Digital Lab. Tamén actuará o músico Marcos Valcarce antes da entrega de premios. O peche da xornada será ás 19.30 horas.
Por outra banda, haberá obradoiros pola mañá para escolares de 9 a 12 anos. Pola tarde, haberá un taller de iniciación a Arduino e outro para o impulso do IoT, ambos para mocidade de máis de 16 anos.
As solicitudes de inscrición son de balde e hai que presentalas ata este venres 16 ás 14.00 horas, enviando un correo electrónico a info@innovames.gal indicando nome completo e idade, número de teléfono, correo electrónico e nome do taller. Para dispor de máis información sobre o InnovAmes pódese consultar a páxina web do evento.