Gravity Rush estrea remasterización para PS4

mércores, 3 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Tras converterse nun dos títulos máis salientables do pobre catálogo da PlayStation Vita, Gravity Rush chegou hoxe á PlayStation 4 nunha versión remasterizada que poder adquirirse por 29,99 euros e que lévanos a unha incrible aventura na que desafiaremos as leis da natureza cun misterioso felino negro aos pés e a forza da gravidade nas mans, para descubrir o pasado esquecido da protagonista e salvar unha grande cidade flotante dunha destrutiva tormenta de gravidade.
Esta revisión do xogo non só mellorou os gráficos para adaptarse ás posibilidades da PS4, senón que tamén aproveita as posibilidades do sensor de movemento do mando DualShock 4; e como vén a ser habitual nas revisións de xogos que chegan meses despois da entrega orixinal, Gravity Rush Remastered conta tamén cos contidos descargables que foron saíndo para a versión de PS Vita.
Un xogo moi recomendable para os afeccionados aos videoxogos que non tiveran unha PS Vita e que non queiran deixar pasar a oportunidade de gozar do que podemos chamar un clásico moderno sen medo a errar.

Gravity Rush ofrece unha proposta xogable orixinal que fixo que este título pasase a considerarse un dos mellores xogos para PS Vita de xeito instantáneo

Tráiler de lanzamento de Gravity Rush Remastered

PUBLICIDADE