Guitar Hero: Aerosmith anunciado para o mes de xuño

venres, 15 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

A saga de videoxogos Guitar Hero chegará á súa 5ª entrega da man do grupo musical integrado por Steve Tyler, Joe Perry, Brad Whitford, Tom Hamilton e Joey Kramer, que terán así o seu propio videoxogo dentro deste xénero musical que permite que os seguidores dunha das bandas de rock máis importantes dos EE.UU. repasen os seus grandes éxitos.
Guitar Hero: Aerosmith sairá no mes de xuño e xa se pode reservar en varias tendas en liña norteamericanas. Para celebrar o futuro xogo, os usuarios de Guitar Hero III poderán descargar de balde o tema Dream On entre os días 16 e 18.
Os xogos de Guitar Hero normalmente inclúen unha selección de temas de distintos grupos, pero a variedade de temas de Aerosmith, que van dende a balada Don’t Want to Miss A Thing ata a cañeira Love in an Elevator, permitirán que os usuarios non se aburran aínda que non sexan os máis fieis seguidores da banda que vendeu máis de 150 millóns de discos en todo o mundo.
Neversoft desenvolverá as versións de Xbox 360 e PS3 do xogo, Vicarious Visions traballará na versión para Nintendo Wii e Budcat fará o propio coa entrega para PS2.

PUBLICIDADE