HBO Max verá a luz nos EE.UU. en maio de 2020

mércores, 30 de outubro do 2019 Marcus Fernández

As plataformas de vídeo baixo demanda están en plena revolución, coa estrea de Apple TV+ o vindeiro día 1, seguida o día 12 co lanzamento estadounidense de Disney+ (que probablemente chegue a España dentro dun ano); e finalmente xa sabemos máis do que promete ser o seu grande competidor nos EE.UU.: HBO Max. Esta nova plataforma verá a luz en maio de 2020, con máis de 10.000 horas de contido e un prezo de 14.99 dólares/mes.
HBO Max non será simplemente o que hoxe entendemos por HBO, senón que congregará contidos doutras marcas como Warner Bros, TNT, Crunchyroll, Cartoon Network, Adult Swim, DC, New Line... ou sexa, que sería a grande plataforma dixital de WarnerMedia, que mestura o seu inmenso catálogo cunha serie de contidos licenciados a terceiros, para consolidar unha oferta capaz de competir cara a cara con Netflix, en vez de presentarse como un complemento (como farían o resto de plataformas emerxentes mentres non conseguen ampliar o seu catálogo de contidos).
Esta nova plataforma, que contará con contidos de éxito como Friends, The Big Bang Theory ou South Park, filmes como Joker, e as futuras producións de HBO (como unha precuela de Game of Thrones), tería moi complicada a súa internacionalización, xa que as súas canles están a ser explotadas de xeito moi diverso en cada país, pero dado que estamos ante un movemento estratéxico, nos vindeiros anos podemos atopar como a marca HBO consegue reforzarse como un aglutinador de contidos da Warner, converténdose nun dos grandes actores nas plataformas de streaming, entre as que actualmente aínda non ten peso dabondo.

Vídeo promocional de HBO Max

PUBLICIDADE