HP presenta novas impresoras económicas que poden empregarse dende o móbil

xoves, 6 de outubro do 2016 Marcus Fernández

HP anunciou o lanzamento de 6 novas impresoras láser monocromo, rápidas, asumibles e con capacidade para impresión móbil orientadas a pequenos negocios e oficinas. Estas novas impresoras buscan dar resposta aos xeitos de traballar a día de hoxe, cun ritmo rápido e en constante movemento, de aí que permitan imprimir dende smartphones, tabletas ou portátiles con conexión Wi-Fi Direct e sen precisar acceder á rede da empresa. Tamén integran a tecnoloxía HP Auto-On/Auto-Off coa que buscan o aforro de enerxía e, consecuentemente, favorecer a sustentabilidade global.
As impresoras máis accesibles serían as HP LaserJet Pro M12 e HP LaserJet Pro MFP M26, deseñadas para equipos de traballo de até 3 usuarios que impriman de 100 a 1.000 páxinas/mes, e son capaces de imprimir até 18 páxinas por minuto. A HP LaserJet Pro M12 porase á venda este mesmo mes a un prezo de 79,90 euros.
Para grupos de traballo de até 5 usuarios que imprimen dende 150 até 2.500 páxinas/mes recomendan as impresoras HP LaserJet Pro M100, cunha velocidade de até 22 páxinas por minuto, e que chegan este mes ao mercado español a un prezo que parte dos 99 euros para a LaserJet Pro M102w, ou de 139 euros para a multifunción LaserJet Pro MFP M130.
Para os usuarios que precisen unha maior velocidade de impresión chegarán as HP LaserJet Pro M200, cunha velocidade de até 28 páxinas por minuto e con impresión automática a dobre páxina, impresoras das que aínda non adiantaron o seu prezo de venda.

PUBLICIDADE