Habilitada unha porta virtual para entrar nos mosteiros galegos

luns, 23 de maio do 2011 Raquel Noya

A gran maioría dos galegos e galegas, case sen excepcións, soñamos algunha vez con visitar Florencia, Roma ou París, e coñecer de primeira man os monumentos que alí se atopan; agora ben, os pazos, mosteiros, igrexas ou capelas que temos no noso país, dunha beleza e singularidade exemplar, pasan desapercibidos para moitos de nos, que só temos como referencia a catedral de Santiago e que descoñecemos que somos uns privilexiados da arquitectura medieval e moderna.
A Consellería de Cultura e Turismo, a fin de facilitarnos a visita aos principais mosteiros galegos e dar a coñecer unha boa parte da riqueza da nosa cultura arquitectónica, vén de habilitar unha ferramenta tecnolóxica que permite achegarse virtualmente a estes monumentos, a través da web de Turgalicia.
Trátase dunha ferramenta virtual que permite facer visitas fotográficas en 360 graos e que posibilita levar a cabo “auténticas tours turísticas” coas que visualizar e apreciar os recursos e detalles arquitectónicos de 32 mosteiros da nosa Comunidade.
A visita virtual realízase a través de imaxes inmersivas e esféricas, o que lle permite ao visitante internarse en todas as estancias do mosteiro como capelas, claustros ou refectorios, facer xiros, e enfocar detalles.
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, valora esta iniciativa como “un impulso á primeira marca turística ‘Galicia, gárdasme o segredo?’ a través dun dos produtos cabeceiras da marca, os mosteiros galegos”.
Os usuarios e usuarias desta ferramenta online poden facer xiros de 360 graos, entrar en tódalas estancias dos mosteiros e, en palabras de Pardo, “vivir en primeira persoa a maxia destes espazos”, xa que non faltan os sons ambientais que amenizan a visita, tales como o ruído a auga dunha fonte ou os cánticos gregorianos habilitados ao efecto.
Entre os mosteiros galegos incluídos nesta aplicación destacan o de San Xoán de Caaveiro en A Capela (A Coruña), o de Santa Clara de Ribadeo (Lugo), o de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín (Ourense) ou o de Santa María de Armenteira en Meis (Pontevedra).
Para iniciar esta peculiar visita online, os usuarios de Turgalicia tan só deben premer na ligazón habilitada, elixir o mosteiro que desexe, e moverse co rato por onde os leve a curiosidade.
Este poderá facer achegamentos (zoom), xiros ou pararse nos detalles, e ver a pantalla completa aquilo que esperte a súa atención.
Tal e como afirmou a titular da carteira de Turismo, a inclusión deste novo servizo virtual en Turgalicia, obedece á estratexia de implantación da nova marca turística da Comunidade galega, Galicia, gárdasme o segredo?, “na que se aposta por achegar aos potenciais clientes turísticos de Galicia un marco de experiencias turísticas que faga máis atractiva a presentación da oferta turística galega”.
A secretaria adiantou asemade, que esta web “achegará en breve novas experiencias deste tipo” que dean a coñecer a cultura galega alén das nosas fronteiras.

PUBLICIDADE