Hades convértese no primeiro videoxogo en recibir un Premio Hugo

luns, 20 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A organización dos Premios Hugo decidiu o ano pasado que era o momento de incluír unha categoría específica para videoxogos nestes galardóns para recoñecer a títulos de ciencia ficción, fantasía e temáticas relacionadas, aceptando candidaturas de practicamente calquera plataforma (dende xogos de consola e dispositivos móbiles até xogos para ordenador, tanto instalables como xogables vía web).
Así, no marco da 79ª Convención Mundial de Ciencia Ficción celebrada en Washington, DC entre os días 15 e 19, anunciáronse os gañadores dos Premios Hugo 2021, impóndose na categoría de Mellor Videoxogo Hades de Supergiant Games. Este título xa fora un grande éxito para PC e Nintendo Switch en 2020, chegando a Xbox e PlayStation o pasado verán, co que ampliaron a súa base de usuarios enormemente, facendo que un desenvolvemento relativamente modesto puidese chegar ao grande público.
A vitoria de Hades é relevante non só por ser o primeiro Premio Hugo para un videoxogo (categoría que polo momento é excepcional), senón por ter conseguido este recoñecemento competindo con grandes títulos como Animal Crossing: New Horizons (considerado como un dos xogos de máis éxito durante a pandemia), Final Fantasy VII Remake ou incluso o aclamado The Last of Us: Part II (un dos máis galardoados títulos de 2020).

PUBLICIDADE